domingo, 29 de abril de 2018

VII Encontro de alumnado en Vigo

Este xoves, parte do alumnado de música do IES Afonso X O Sabio volveu a participar nun macroconcerto (porque fomos 800 estudantes os que estivemos en total) no Auditorio do Mar de Vigo, o VII Encontro de alumnado de música de secundaria de Galicia, organizado por Asomúsica.

O concerto, do que faremos un pequeno vídeo, consistiu na presencia de 16 centros de secundaria de toda Galicia (desde Salvaterra de Miño ata Cariño e Ortigueira, pasando por Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Boiro, Mondariz, Betanzos, Boqueixón, Carballo, Noia, A Coruña e por suposto o noso centro de Cambre). Estes estudantes, puideron ver o que facían outros compañeiros, interpretar eles unas cancións e, finalmente, tamén asistir a un obradoiro sobre unha das seguintes temáticas: danzas do mundo, baile galego, xogos vocais e percusión latina. Estes obradoiros tiñan lugar tamén no propio auditorio. Despois comimos todos xuntos na zona do náutico e, desgrazadamente, tivemos que regresar a nosa casa deixando atrás un día estupendo.

O día comezou chegando á Ría de Vigo, onde puidemos ver a Illa de San Simón e, ao fondo, as Illas Cíes. No medio vimos as características bateas.

Despois, como bos músicos, descargamos os nosos instrumentos no auditorio e, o noso alumnado (que se portou fantásticamente ben) deixou ordenadamente todo nun lateral do enorme escenario. Nese momento estaba o alcalde Abel Caballero recibindo a todo o alumnado e desexando que desfrutasen do evento.

Despois, puidemos ver o traballo dos distintos institutos... que foi boísimo, por suposto gustáronos máis unhas cancións que outras, pero tomamos boa nota para futuros arranxos e creacións, e tamén do ben que se traballa noutros centros e de como comportarse no escenario (cousa que os nosos fixeron de marabilla).

Nós tivemos a grandísima sorte de ser os últimos, despois do IES Parga Pondal de Carballo coa súa estupenda orquestra Orff e despois do magnífico coro do IES A Xunqueira I de Pontevedra. O noso alumnado estaba moi nervioso entre bambalinas, compartindo o momento co profe do IES Salvaterra de Miño e músico de moitísimos proxectos como a Banda Crebinsky ou o cuarteto Caramuxo, quen nos deu consellos mentres facía de mestre de cerimonias. Do noso presentador exerceu Martín Barbeito, que nos consta que tivo moitísimo éxito (parece ser que todos o queren coñecer) e presentou as cancións que interpretaron Zaira Aguedo e Diego Martínez (Pink), o Coro do instituto (Over my head, espiritual negro) e, finalmente, o grupo de música de 1ºBACH (Ain´t nobody, loves me better).

Foi difícil sair sen proba de son anterior, pero cos fabulosos técnicos de son que tivemos na sala todo saiu estupendamente... houbo moitos nervios porque, cando se toca nun escenario tan grande o son non se escoita ben no escenario pero si na zona do público e é difícil acostumarse.... pero cando un está ahí, vendo o auditorio apagado e cheo das luces dos móbiles, o público aplaudindo a rabiar... foi difícil ternos que ir do escenario!!!

En resumo, foi unha experiencia preciosa que disfrutamos un montón e as profes de música sentímonos orgullosísimas do traballo dos e das estudantes.

Participaron no concerto o alumnado do coro que está entre 1ºESO e 4ºESO e o grupo de bacharelato. A todos eles e, especialmente, ao alumnado do coro, moitas grazas polo traballo diario. A música é un vínculo que se establece moi rápido cando se interpreta... pero canto traballo da chegala a interpretar tan ben!





0 comentarios:

Publicar un comentario