sábado, 16 de diciembre de 2017

INICIO DA ACTIVIDADE: PRESENTACIÓN DO PROXECTO

Afonso a escena é un proxecto desenvolvido polo IES Afonso X O Sabio desde hai xa catro cursos académicos e busca ofertar ao alumnado do noso centro posibilidades relacionadas coas artes escénicas que conleven unha mellora académica, unha maior vinculación do alumnado co noso instituto, mellorar a convivencia e, sobre todo, ampliar a creatividade e asentar a autoestima e boas relacións entre os membros da nosa comunidade.

Este ano decidimos comezar un blog do proxecto, xa que ata agora utilizábamos o blog de actividades extraescolares do noso centro pero, como estamos gañando en entidade e xa nos facemos maiores, pois imos independizarnos e contar o que estamos agora mesmo a facer.

Desde outubro comezamos as nosas actividades. En primeiro lugar organizamos o coro do instituto. O coro ensaia dous recreos á semana e, de cando en vez, quedamos a comer todos xuntos e facemos un ensaio os martes ao mediodía. O coro está dirixido polas profesoras Beatriz Alonso e Chus Domínguez Daponte.


Por outra banda formamos un grupo de teatro que se reúne os mércores pola tarde, dirixido polo profesor Manuel Sánchez.
Paralelamente desenvolveremos actividades formativas puntuais, que serán as de formación en técnica vocal (aberto ao alumnado das optativas así como para os participantes no coro e no grupo de teatro), obradoiros de formación en expresión corporal, danza, teatro físico e circo. Para isto traballaremos con compañías profesionais como son Pistacatro (circo), Traspediante (danza) e Elefante Elegante (teatro). Tamén buscaremos, coma todos os anos, potenciar as conferencias, charlas e debates sobre aspectos relacionados coas artes escénicas.

Ademais de realizar actividades formativas, queremos abrir o noso centro a todos os membros da nosa comunidade educativa, para isto imos facer un concerto aberto a todos, ao final de curso (concerto do que xa disfrutamos outros anos, ao principio en Cecebre e, máis recentemente, no noso maravilloso hall do instituto) e tamén queremos abrilo para outras representacións de artes escénicas. Para todo isto teremos que facer, ao longo do ano, varios concertos e representacións para estudantes (para irnos preparando e tamén compartindo entre todos o que imos aprendendo) e incluso, concertos intercentros, como o que faremos coa participación no VII Encontro para alumnado de secundaria, que terá lugar en abril en Vigo e tamén co concerto intercentros de coros escolares que se celebra no IES de Ortigueira a final de curso.

Paralelamente a estas dúas actividades para o noso alumnado de secundaria, o noso proxecto tamén se dirixe ao alumnado de 6º de primaria do noso entorno, xa que queremos afianzar e mellorar as relacións cos nosos centros adscritos, así como facer que o alumnado xa se sinta un pouco máis preto do seu futuro instituto. Para estes rapaces e rapazas faremos unha actividade formativa (preferentemente en torno á técnica vocal) e realizaremos un pequeno concerto a final de curso todos xuntos, cando o alumnado de 6º de primaria veña ao seu futuro instituto. Todo esto é posible grazas a organización e coordinación do profesor Santi Cañás.

Detrás de todo este proxecto, que vemos como crece cada ano, hai moita xente colaborando, pero sobre todo traballan moito e moi duro moitos dos nosos marabillosos estudantes, aos que queremos agradecer a súa ilusión, respecto e valores.

0 comentarios:

Publicar un comentario